• 13-06-2017

TEMPO DE QUEIXOS 4ª edición


Tempo de queixos 4ª edición - cartel

Dende o seu nacemento, o obxectivo de Item-Aga é ofrecer servizos integrais no ámbito da comunicación e o deseño, baixo os parámetros da calidade, a creatividade e a eficacia. Isto permítenos acompañar as empresas no seu día a día e dende os seus inicios.


Tal é o caso de Casalexo, restaurante de cociña sinxela, de tempada, apegada ao produto e aos sabores da terra e do mar, de mercado, completada cunha coidada e variada adega, con viños de distintas procedencias.


Ocupámonos da creación do nome, o deseño da marca, da páxina web, a xestión de redes e a relación cos medios. Para a denominación consideramos que ‘Casalexo’ –resultado da unión entre ‘casa’ e ‘Alexo’, nome do propietario e alma mater do negocio– era moi axeitado para aludir ao ambiente acolledor e familiar, un lugar de encontro, onde te fan sentir como na ‘casa’.


Unha das propostas máis atractivas no calendario de eventos de Casalexo é o ‘Tempo de Queixos’, xornadas de degustación dalgúns dos mellores queixos de primavera do mundo. O deseño da cartelería, a adaptación para web, redes e campaña publicitaria, así como o envío de notas de prensa a medios escritos, en liña, blogs e portais gastronómicos, permite desenvolver en cada edición unha comunicación coherente, ordenada e eficaz.


En base a unha boa marca e contando coa confianza do cliente, o labor de comunicación é moito máis doado. Se a este feito se une o dinamismo empresarial e o decidido propósito de diversificar e ofrecer novas propostas como un xeito de innovar e premiar a fidelidade da clientela, o resultado non pode ser outro que o éxito.