• 09-06-2017

TOUR GRUPO NOVE


Megatrailer Grupo Nove

Grupo Nove, a Asociación que aglutina a 24 cociñeiros galegos e 18 restaurantes –con nada menos que 8 estrelas Michelin, 17 soles Repsol e varios campións de España de cociñeiros, recoñecidos dentro e fóra do país– confía dende hai anos en Item-Aga á hora de xestionar a súa comunicación, así como conceptualizar e desenvolver eventos promocionais.


No ano 2016 deseñouse unha proposta tipo showcooking itinerante para incidir nas accións en orixe, acudindo a cidades que son mercados obxectivos por seren emisores prioritarios de visitantes cara á nosa comunidade.


No desenvolvemento da campaña incluíuse unha unidade móbil que, en cada cidade se situaba na localización máis acaída para asegurar a masiva asistencia de público ás sesións de cociña activa. O megatráiler, polas súas características técnicas, permitía unha rápida e fácil instalación en calquera ubicación e localidade, dispoñendo de espazos diferenciados (zona de degustación, aula multimedia, zona de atención personalizada, sala de reunións, zona expositiva...) especialmente deseñados para un marketing de rúa, directo, interactivo, que foxe da tipoloxía clásica para avanzar nunha campaña de difusión e promoción máis experiencial.


Esta capacidade de transmitir a mensaxe de forma directa e dinámica é a que contou máis á hora de elixir este medio móbil, porque posibilita un enfoque máis cómplice e participativo, máis fresco, brindando ademais a oportunidade de avaliar in situ as opinións, impresións e intereses do target, controlando e obtendo resultados reais, así como útiles bases de datos que son de moita utilidade de cara a futuras accións de difusión e promoción.


O equipo multidisciplinar de Item-Aga esta detrás dunha exitosa campaña que conlevou a conceptualización, a asistencia técnica en cada localización, o labor do gabinete de prensa, a comunicación a través das redes sociais do Grupo e o deseño gráfico de todos os soportes divulgativos.