• 28-06-2016
SEITURA:

Época do ano en que se fai a sega e recolección – moi acaído para aludir á recolleita dos froitos do traballo apoiando os proxectos, tal é o obxectivo dos Grupos de Acción Local

É este un paradigma do traballo que Item-Aga vén realizando dende o seu nacemento como empresa de comunicación integral, e ten que ver coa xestión da Identidade empresarial e institucional, labor que nos apaixona e nos permite en moitas ocasións acompañar ás entidades e empresas na súa evolución.

‘Seitura22’ é o nome do Grupo de Desenvolvemento Rural que xestionará os fondos do programa Leader 2014-2020 nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, resultante da fusión das Asociacións ‘Costa Noroeste’ e ‘Euroeume’, dándose a circunstancia particular de que o equipo multidisciplinar de Item-Aga esta detrás do deseño das imaxes corporativas destas tres entidades.

Creación do nome e deseño da marca


No caso concreto de ‘Seitura22’ ocupámonos tanto da creación do nome coma do deseño da marca. Para a denominación consideramos que ‘seitura’ – época do ano en que se fai a sega e recolección– era moi acaído para aludir metaforicamente á recolleita dos froitos do traballo apoiando os proxectos, as boas ideas, tal é o obxectivo dos Grupos de Acción Local.

Doado de lembrar, con gran sonoridade. A inclusión do numeral axuda a identificar con máis claridade a Asociación e aporta singularidade, ademais de remitir ao número de concellos do territorio de aplicación destes fondos europeos.

Para o logotipo escolleuse como base tipográfica a ‘Sansation’, unha tipografía actual, ideal para títulos e moi lexible. No que respecta ao símbolo, está composto por tres figuras circulares, tantas como territorios (comarcas) de actuación, e que se entrecruzan e interaccionan xa que non son departamentos estancos senón parte dun todo. Ao centro, o numeral 22, para salientar o protagonismo de cada un dos membros.

As cores escollidas para o conxunto son as recoñecibles no territorio sobre o que se van desenvolver proxectos, tanto no interior (gama cromática de verdes, amarelos…) como na costa ou contornas fluviais.