• 09-06-2017

EXPOSICIÓN CONMEMORATIVA DO “CENTENARIO DAS ESCOLAS DE INSTRUCCIÓN DOS NATURALES DEL AYUNTAMIENTO DE FENE”


Imaxe da exposición

O día 5 de novembro de 1916 eran inauguradas as escolas Concepción Arenal e Curros Enríquez, que foran fundadas dende A Habana pola Sociedad de Instrucción Naturales del Ayuntamiento de Fene.


Cen anos despois dese acontecemento histórico, o Concello de Fene quixo render homenaxe a todas as persoas que, dende a outra beira do Atlántico contribuíron co seu apoio económico, de forma anónima e desinteresada, á modernización do panorama educativo daqueles anos.


En agradecemento a esta contribución, as concellarías de Cultura e Educación organizaron unha exposición e un ciclo de actividades conmemorativas nas que Item-Aga participou dende a súa xestación, en coordinación co comisario, Guillermo Llorca.


Item-Aga está detrás do deseño da imaxe do Centenario, partindo dun ornamento que loce a fachada dunha das vivendas indianas existentes no concello, a chamada popularmente ‘Casa da Florista’; coronando as fiestras disponse un frontón apoiado en dous piares formados pola moldura que decora os marcos, e debaixo do cal están os linteis con motivos vexetais. Logotipizouse este detalle para posibilitar o seu uso en todo o material expositivo.


Realizamos o labor de recompilación do material expositivo, xestionamos a súa cesión por parte do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) e outras fontes, realizamos o deseño, fabricación e montaxe da exposición en base a paneis de PVC de fácil desmontaxe, traslado e reubicación para favorecer a súa itinerancia, e dos restantes elementos que formaban parte da mostra, e encargámonos da asistencia técnica no desenvolvemento das accións necesarias para comunicar a toda a poboación de Fene e comarca o ambicioso programa de actos: páxina web específica do Centenario, DVD recompilatorio do material fotográfico utilizado, despregable informativo, etc.