• 06-06-2017

Narón Gastronómico para revitalizar a hostalería


Van xa catro anos que en Item-Aga creamos a iniciativa Narón Gastronómico, un proxecto para reactivar o sector hostaleiro con accións de promoción e posta en valor dos establecementos e a cociña local.
 De entre todas as accións levadas a cabo destacan dúas citas anuais xa consolidadas que contan con gran participación tanto por parte dos cidadáns como dos veciños, o Concurso Gastronómico de Entroido e as Xornadas Gastronómicas Horta de Narón, que se celebran cunha resposta excepcional da hostalería local, cunha media de 30 establecementos colaboradores.
 O obxectivo das dúas accións é dar visibilidade e protagonismo tanto aos produtos da horta locais como ás elaboracións gastronómicas tradicionais de Narón, fomentando ademais a actividade económica do municipio, grazas ao incremento da clientela.
 No caso das Xornadas Gastronómicas Horta de Narón, as accións promocionais levadas a cabo por Item-Aga non só se desenvolven na localidade, senón no exterior a través de presentacións e degustacións dos produtos locais –Pemento do Couto e Tomate Negro de Santiago–, en prestixiosos restaurantes galegos como Eirado da Leña, Paprica, Maruja Limón ou Casa Marcelo, por poñer algúns exemplos.
 O pasado ano, este proxecto deu un salto cualitativo ao crear o Club Narón Gastronómico, co que se quere potenciar a participación e colaboración de todo o sector para converter o municipio nunha referencia gastronómica en Galicia.